Sunday 28 de April de 2024

A alcaldesa aborda co rexedor de Ames os asuntos de interese para ambos municipios


Goretti Sanmartín e Blas García mantiveron un primeiro encontro institucional esta mañá no Pazo de Raxoi para abordar os asuntos que afectan á veciñanza de ambos municipios como a depuradora da Silvouta, o parque comarcal de bombeiros ou a senda que unirá Santiago co Milladoiro. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro; a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, así como edís do Concello de Ames.

Tras a xuntanza Sanmartín e García salientaron a boa sintonía entre as dúas corporacións e a vontade de colaborar en beneficio da veciñanza de ambos concellos. Congratuláronse polo anuncio da nova licitación da EDAR por preto de 54 millóns de euros, un proxecto fundamental para o saneamento e a limpeza do río Sar que comparten os dous muncipios. A rexedora compostelá detallou que o proxecto deberían “estar licitado neste ano e as obras comenzarían a principios do ano próximo”, cunha duración de 27 meses e medio, polo que estaría rematado “aproximadamente sobre abril de 2026”. Goretti Sanmartín comprometeuse a “facer un seguimento de que se cumpran os prazos” e a solicitar unha “implicación máis grande” a nivel económico por parte das diferentes administracións.

Tamén abordaron o tema da creación dun parque comarcal de Bombeiros que prestaría servizo a varios concellos, un proxecto que leva anos pendente e que consideran prioritario. “É un tema no que levamos moito tempo traballando e que temos que solucionar”, sinalou o alcalde de Ames, que pediu a colaboración do Concello de Santiago para relanzar as conversas con todas as partes implicadas para poder avanzar neste asunto.

A este resepcto, Goretti Sanmartín amosou a disposición do Concello de Santiago para reactivar “de maneira urxente e inmediata” o diálogo co Consorcio Provincial de Bombeiros, coa Deputación da Coruña e coa Xunta de Galicia para constatar “nas próximas semanas se hai disposición” pola súa parte e abordar “como se podería materializar este servizo”. Entre as demandas que a alcaldesa porá sobre a mesa está a de que o parque comarcal sexa considerado un “novo servizo”, que non estea rexido pola taxa de reposición para poder contratar novo persoal.

No encontro tamén se tratou a mobilidade entre os dous municipios, un tema prioritario debido ao elevado número de veciños e veciñas que compatibilizan vida laboral e persoal entre os dous municipios. En concreto, Sanmartín e García falaron sobre a situación da senda entre Santiago e O Milladoiro, un itinerario que facilitará a mobilidade a pé e en bicicleta da veciñanza entre os dous núcleos. “Temos que seguir traballando conxuntamente para mellorar as condicións”, indicou o rexedor de Ames.

Tamén se abordaron outros temas como a necesidade de potenciar os proxectos vencellados a Compostela Rupestre ou o funcionamento dos servizos públicos.